As actuacións de urbanismo táctico chegan ao CEIP Bergantiños na semana da seguridade viaria

1 minutes read
  • O Concello de Carballo traballa tamén coa asociación Íntegro para mellorar a accesibilidade

Este mércores, a Concellaría de Mobilidade de Carballo comezou a materializar o proxecto de urbanismo no CEIP Bergantiños, utilizando elementos do mobiliario urbano para crear un novo espazo. Con este sistema, se a actuación realizada funciona pode facerse permanente, mentres que se é preciso realizar cambios permite axustar o proxecto dun xeito sinxelo e económico. Estas intervencións forman parte dunha serie de actuacións encamiñadas a mellorar a seguridade nas contornas escolares.

Días atrás tamén se procedeu a reorganizar os accesos ao IES Isidro Parga Pondal, a proposta do centro. Por unha parte realizouse unha reordenación dos aparcamentos e, por outra, delimitouse unha senda peonil dende a ponte ata o instituto. Na contorna do CEIP Bergantiños, xa dende principios de curso, e atendendo tamén as demandas do propio colexio, a rúa Ramón Cabanillas está pechada ao tráfico durante as horas de entrada e saída. Con esta medida conseguiuse reducir o tráfico rodado conseguindo mellorar a seguridade.

A actuación que se está a desenvolver coincide coa Semana Mundial das Nacións Unidas para a Seguridade Viaria, que se celebra do 17 ao 23 de maio, e que este ano ten como lema “Rúas para a vida”, reivindicando a limitación das velocidades a 30 e 20 quilómetros por hora nas cidades de todo o mundo.

Acción de rúa coa asociación Íntegro
Dende a Concellaría de Mobilidade tamén se traballa na mellora da accesibilidade. Neste sentido, en colaboración coa asociación Íntegro veñen desenvolvéndose diferentes iniciativas de sensibilización nas que este xoves se dará un paso máis. Así, retomarase a campaña sobre as prazas de aparcamento reservadas para as persoas con mobilidade reducida a través dunha acción de rúa que se desenvolverá a partir das 10.30 horas na zona do centro de saúde.