As adegas poden solicitar o préstamo vendima ata o vindeiro 15 de outubro


O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, visitou o concello ourensán de Castrelo de Miño para coñecer a evolución dos traballos da vendima na denominación de orixe Ribeiro.

Nesta visita aos viñedos de Ramón do Casar, lembrou que as adegas interesadas poden solicitar o préstamo vendima ata o vindeiro día 15 de outubro. Esta liña de crédito, salientou González, ten por obxecto facilitarlles a compra da totalidade da uva da colleita deste ano en condicións normais de mercado. Está deseñada para facer fronte ás dificultades xeradas pola pandemia no sector vitivinícola.

O conselleiro destacou que, precisamente con esta mesma finalidade, a Xunta puxo en marcha Mercaproximidade. Trátase, recordou, dunha canle de venda alternativa que permitiu dar saída a boa parte da produción primaria galega e á que se adheriron arredor dun cento de adegas da comunidade.