Ryanair anunciou unha redución do 20 % dos seus voos en setembro e outubro debido ao descenso das reservas de viaxes. A aerolínea irlandesa sinala que a medida foi tomada pola incerteza que xera o rexurdimento dos contaxios de COVID-19 en Europa. Na compañía aclaran que os recortes afectarán o número de voos e que non se pecharán roteiros. O descenso da oferta repercutirá especialmente en Francia e en España, dous países aos que se aplica a corentena imposta polo Goberno británico. Moitas aerolíneas planean reducir o tamaño da frota aérea ou recortar postos de traballo. Lufthansa, que conta cuns 760 avións, podería desprenderse de máis cen aeroplanos e recortar 22.000 empregos. EasyJet pechará tres bases en Inglaterra coa correspondente perda de 670 postos de traballo. Outros 1.200 traballadores veranse inmersos en plans de redución de persoal. O grupo IAG, propietario de British Airways e Iberia xa recortou 12.000 postos de traballo e ten a intención de reducir os custos e o tamaño das súas diversas aerolíneas. O grupo Air France-KLM tamén planea miles de recortes de empregos, á vez que os seus pilotos viron diminuír, de maneira significativa, os seus salarios.
48