As ambulancias de soporte vital do 061 realizan máis de 11.000 servizos en dous anos


Desde a posta en marcha das ambulancias asistenciais de Soporte Vital Avanzado de Enfermería (SVAE), en outubro de 2019, e ata o mes de decembro deste ano, asistiron un total de 11.184 servizos. No ano 2020 o número de servizos realizados foi de 4.876 e no ano 2021 aumentaron ata os 5.420, os restantes 888 son servizos do ano 2019. Isto supón unha media diaria de 13,4 servizos en 2020, que se incrementaron ata os 16,2 neste ano. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de conmemoración do segundo aniversario da posta en marcha destas ambulancias.

Os estudos sobre a actividade desenvolvida polas ambulancias de SVAE amosan que se trata de recursos asistenciais con capacidade para resolver a práctica totalidade dos servizos, aos que son mobilizados desde a Central de Coordinación do 061, posto que máis do 96% das asistencias foron resoltas desenvolvendo autonomamente as súas competencias profesionais, é dicir, sen a necesidade da mobilizar outros recursos asistenciais medicalizados como o médico de atención primaria ou a ambulancia de SVA medicalizada.

No que se refire ás patoloxías máis asistidas por estes recursos asistenciais de soporte vital avanzado, desde a súa implementación ata decembro deste ano, foron a alteración da consciencia (2.084 asistencias), as caídas (1.641), os mareos (1.608), a sensación de falta de aire ou fatiga (1.238), a dor (1.007) e os accidentes de tráfico (611).