As analíticas na canteira de Varilongo determinarán se se incumpriu a lei


A Xunta avanza que se as analíticas na canteira de Varilongo, no concello de Santa Comba, arroxan incumprimentos, iniciará o expediente sancionar que corresponda.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu na Comisión 2ª do Parlamento, onde explicou que o 11 de novembro a Xunta recibiu unha alerta do Servizo de Emerxencias 112 relativa aos vertidos neste punto, e que os técnicos de Augas de Galicia se desprazaron ao lugar para efectuar as correspondentes inspeccións, tomando tamén mostras das liñas de auga da empresa explotadora.

Neste sentido, unha vez se dispoña dos resultados das analíticas realizadas, adoptará as medidas necesarias para dar así cumprimento á lexislación vixente.

Sinalou que Augas de Galicia, tras recibir unha solicitude de vertido por parte da empresa, resolverá o expediente seguindo os criterios técnicos, que concluirán se procede a autorización ou non, e en que condicións, para garantir o bo estado da masa de auga.

Fixo fincapé en que Augas de Galicia cumpre estritamente a lei, vela pola calidade das augas dos ríos e exixe que se minimicen as afeccións aos mesmos.