As andainas “Coñece a Costa da Morte” pechan tempada cun percorrido desde o Monte Faro de Brantuas ata o porto de Corme

O calendario de andainas Coñece a Costa da Morte 2019 pechará a súa sétima edición o sábado 8 cun percorrido polo concello de Ponteceso que terá como punto de partida o Monte do Faro de Brantuas. A partir das 09:45 horas, os/as amantes da natureza e o sendeirismo terán a oportunidade de gozar dunha xornada ao aire libre percorrendo algúns dos enclaves turísticos máis fermosos do municipio que nos deixará a nova ruta, de 11 quilómetros de distancia e dificultade media.

A primeira parada do día será para visitar a Ermida de Nosa Señora do Faro, situada a 229 metros sobre o nivel do mar. Desde alí, os e as participantes iniciarán un descenso polos sendeiros de costume para contemplar unha das paisaxes de maior riqueza natural e paisaxística: a Ría de Come e Laxe. O segundo destino será o merendeiro da praia da Ermida, onde os/as excursionistas poderán repoñer folgos para comezar con enerxía a segunda etapa da xornada, que os/as levará ata o porto de Corme, onde está prevista a chegada ás 13:30 horas.

As persoas que desexen participar nesta andaina, a novena desta temporada, deberán inscribirse previamente para reservar praza e proceder á tramitación do correspondente seguro para a realización da actividade. Os interesados/a poderán anotarse no Concello de Ponteceso (981 714 000) ou na Oficina Municipal de Corme (981 738 428), a través do departamento de Turismo, ou enviando un correo electrónico a turismoponteceso@ponteceso.net.

Así mesmo, os/as participantes deberán facilitar o seu nome e apelidos, número de DNI, enderezo e data de nacemento para cubrir a ficha do seguro. Os nenos/as con idades comprendidas entre os 7 e os 16 anos deberán ir acompañados dun adulto e dispoñer da pertinente autorización legal.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha