A iniciativa tratouse este xoves no encontro “Conversas no Parador”, organizado polo Club de Prensa de Ferrol e ao que foi convidado o presidente da Deputación da Coruña Valentín González Formoso. No evento falouse doutros retos aos que a Deputación fará fronte nos vindeiros anos coma a creación de emprego, o reto demográfico e a mellora dos servizos públicos nos concellos coruñeses.
Xunto co Concello de Ferrol, a Deputación pretende impulsar un proxecto de recuperación das antigas baterías militares da costa ferrolana co obxectivo de “axudar a divulgar a historia e o patrimonio de Ferrol”, convertendo a estes antigos emprazamentos militares “nun motivo de orgullo para a cidadanía, de respeto á nosa historia en un importante elemento de dinamización turística” para a cidade e a comarca. “Ferrol necesita ese tipo de proxectos ilusionantes. Son deberes que nos pon o alcalde e que queremos cumprir”, afirmou o presidente.