O Centro Comercial Aberto Carballo, a Comunidade de Propietarios do Polígono de Carballo, a Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños e a Asociación de Hostelería de Carballo, mantiveron unha conversa na que acordaron constatar o seu malestar ante a Xunta de Galicia polas últimas medidas tomadas polos departamentos correspondentes no que respecta ás restricción por mor da COVID-19, e que segundo afirman “nos deixan completamente illados do resto da comarca, a pesar de contar, en moitos casos, con datos mellores que outras localidades no que respecta ó ratio de casos tanto actual como acumulado”.
Ambas entidades acordaron solicitar a revisión urxente da situación de alerta do Concello de Carballo, a eliminación do illamento perimetral, e conforme ós datos de incidencia que o nivel de alerta sexa Medio ou Básico entendendo que se poida decretar un peche perimetral comarcal, algo lóxico en concordancia a como está sucedendo con outros concellos ou áreas.
“Entendendo a complexidade da actualidade que nos rodea, os axentes económicos do concello, temos feito e seguiremos facendo, un grande esforzo para cumprir tódalas medidas de prevención precisas, así como campañas de concienciación tanto cara ós consumidores como tamén cara ó propio empresariado, comerciantes e hosteleiros así como dos seus empregados”.
“Todos e todas entendemos que a situación actual require de medidas restrictivas e preventivas, as cales apoiamos, sempre que ditas accións garden a correspondente proporcionalidade cos datos de incidencia. Neste punto, manifestamos que os datos do Concello de Carballo, son o suficientemente claros, como para rebaixar o nivel de alerta no noso Concello”.
“Así mesmo, seguimos apoiando e solicitando das autoridades competentes en materia de seguridade que sigan a realizar as comprobacións precisas para verificar a seguridade dos nosos establecementos no que estamos a realizar un grande esforzo, con moi bos resultados”.
“O illamento decretado esta semana, así como medidas restrictivas que consideramos excesivas, por exemplo na hostelería, sector que estaba a realizar un tremendo esforzo no cumprimento de todo o solicitado, están a poñer ó límite ás nosas empresas e comercios que nestas semanas esperan poder recuperar algo do perdido, e que de seguir coas medidas actuais levarán ó peche de multitud deles dende xa mesmo”, con esta reflexión pechan o comunicado as catro entidades.