As asociacións de Baio mantiveron unha reunión para poñer en común os problemas causados polas obras da ponte e para tomar cartas no asunto. Todas elas coincidiron en expresar o seu malestar polo retraso nas obras de reparación da ponte que están a ocasionar graves consecuencias para os núcleos de poboación de A Piroga e de Baio, especialmente ao sector económico.
Segundo manifestaron os empresarios a súa facturación reduciuse nun 50% dende que o pasado 18 de outubro a ponte se pechou ao tráfico rodado. Algo que xa sucedeu tamén nos meses de verán, cando se iniciaron os traballos e temen que lle afecte tamén á campaña de Nadal que está a piques de comezar.
“Queremos saber cal é o estado actual das obras e cal é a data de apertura da ponte” sinalan dende a Asociación de Empresarios Comarca de Soneira. “No caso de que non sexa o 1 de decembro, que é a data oficial, organizaremos unha protesta implicando a toda a veciñanza”, ratifican. Ademais non descartan a posibilidade de interpoñer unha demanda polos danos e prexuízos que lle están a ocasionar as obras.
Este xoves, 25 de novembro, ás 08:00 horas terá lugar no Centro Sociocultural de Baio unha reunión sobre as obras de ampliación da ponte que atravesa o río Grande á que asistirán representantes das diferentes asociacións da vila, o Alcalde de Zas, Manuel Muíño; a Alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; e un representante da Axencia Galega de Infraestructuras, da Xunta Galicia.
Na reunión estiveron representadas a Asociación de Veciños de A Piroga, Asociación de Veciños Tabeirón, Asociación do Automóbil de Baio – Feirauto, Asociación Cultural Adro, Club Deportivo Baio, FABA, Asociación Río Mar, Comisión de Festas e Asociación de Empresarios Comarca de Soneira.