As atraccións de feira poden volver a instalarse en lugares cun nivel medio e medio baixo de covid


Logo dos contactos mantidos coa Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, as principais peticións deste sector en materia de aforos, hixiene ou limpeza, acaban de entrar en vigor este sábado 22 de maio.

Así, aínda que se mantén o peche desta actividade nos concellos con niveis de restrición máxima e alta, naqueles cun nivel medio e medio baixo poderanse instalar atraccións de feira cumprindo cunha serie de medidas que se adaptan ás necesidades trasladadas polo propio sector.

Nos espazos nos que se instalen respectarase a distancia de seguridade interpersoal e as medidas de hixiene exixibles a cada actividade. Así, nos espazos comúns de tránsito respectarase a ratio dunha persoa por cada tres metros cadrados de superficie útil descontando a ocupada polas estruturas. Ademais deberase sinalizar o espazo no que se realicen as atraccións para facilitar puntos diferenciados de entrada e saída que estarán identificados con claridade.

Por outra parte, a autoridade sanitaria local verificará o respecto da capacidade nos espazos comúns e adoptará medidas para evitar aglomeracións. Tamén se establecerán medidas para manter a distancia de seguridade interpersoal nas atraccións e postos instalados.

No caso de atraccións nas que quede garantido en todo momento o mantemento da distancia de seguridade interpersoal entre as persoas usuarias, poderán ocuparse as prazas dispoñibles. En caso contrario, nas atraccións con asentos reducirase ao 50% o número de prazas de cada fila se non se pode asegurar a distancia de seguridade interpersoal (agás no caso de conviventes); e nas atraccións que non teñan asentos incorporados a capacidade máxima será do 30%.

Ademais, disporanse dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes en cada unha das atraccións. Estas deberán aplicar as medidas de limpeza e desinfección adecuadas ao tipo de actividade, frecuencia e condicións de uso con especial atención ás superficies de contacto directo. En todo caso, cada atracción someterase a unha limpeza ao remate de cada xornada de uso. Evitaranse as piscinas de bolas podendo adicarse o espazo correspondente a outra actividade lúdica para o público infantil.