As atraccións de feira que se instalarán en Muxía polo San Xoán tensan a corda entre o PSOE e o PP

3 minutes read
  • Os populares abandonaron o pleno argumentando a «falta de respecto por parte do alcalde» ao non responder ás preguntas realizadas

Tenso é o adxectivo que pode definir o pleno que se celebrou este venres no concello de Muxía onde se aprobaron, por unanimidade, a proposta de bonificación do IBI en relación á ordenanza municipal que a regula e o acordo sobre a modificación da ordenanza de tráfico, pola que se limita a 20 km/h a circulación en tramos de zona urbana e a 70 km/h polas estradas interurbanas de competencia municipal.

Sen embargo, a instalación dunhas atraccións de feira no porto de Muxía para celebrar as festas de San Xoán sembrou a polémica entre o Goberno local e a oposición, optando o PP por abandonar a sesión plenaria porque «non contestar ás preguntas é unha falta de respecto», afirma a voceira popular, Sandra Vilela.

Segundo expuxo a líder do PP en Muxía, o seu grupo marchou da sala ao non obter respostas por parte do rexedor, Iago Toba, a preguntas como «cales foron as modificacións que se fixeron no proxecto de Suxo?, cal é o seu horario de traballo?, cal é a póliza na que se aforraron 3.000€?, como está o problema da TV de Frixe?».

Unha versión que non se asemella á facilitada polo alcalde, quen sinalou que na quenda de rogos e preguntas «os tres membros do PP abandonaron o salón plenario ser argumentar motivos ou xustificacións» xusto no momento no que «estaba a dar resposta a unha das cuestións propostas polo propio grupo popular».

Tras a marcha dos tres membros da oposición, o rexedor continuou coa sesión atendendo os rogos do resto da corporación e enfatizou que o facía «por deferencia dos que estamos aquí presentes e de todo o pobo de Muxía, que non merece esta falta de respecto».

Atraccións de feira no porto de Muxía

Con motivo da celebración do San Xoán, dentro da programación cultural e deportiva organizada polo Concello para este verán, no porto de Muxía instalaranse varias atraccións de feira desde o 23 ao 27 de xuño. A «falta de transparencia» desta iniciativa por parte do Goberno local, destacaron desde o PP, foi un dos detonantes de que abandonaran o pleno.

Segundo explicou o alcalde, a instalación destes aparellos será posible grazas a un «acordo cunha empresa de eventos pola que se permite esta iniciativa, a cambio de que toda a rapazada do Concello poida desfrutar de atraccións de balde». Para iso, o Concello asesorouse coa comisión da Romería da Barca para solicitar o permiso de ocupación, que finalmente será xestionado polo ente municipal.

Desde o executivo destacan que «o custe desta iniciativa para o Concello é simbólica e moi beneficiosa para os nenos e nenas de Muxía, posto que foi un acordo no que o Concello tan só aporta o pago da ocupación”.

Mocións
As dúas mocións presentadas polo PP foron aprobadas. A primeira, por unanimidade, sobre o incremento do importe dedicado ao PEL. E a segunda, sobre a implantación, renovación e mellora de redes de abastecemento e saneamento por parte da Deputación da Coruña, que foi aprobada coa abstención do PSOE e dos non adscritos e co voto en contra do BNG.