As aves mariñas protagonistas no IES de Baio, na exposición ‘Compañeiras do mar e do ceo’

1 minutes read

Este é o título da exposición itinerante que está acollendo en Baio o IES Maximino Romero de Lema, na que a través de seis paneis, se divulga e se pon en valor a importancia da conservación das aves mariñas, como están intimamente ligadas co mar, xa que dependen deste para sobrevivir, así como a súa relación coas actividades pesqueiras. Tamén se destaca Galicia como un lugar clave para a reprodución de certas aves mariñas xa que conta con cinco Zonas de Especial Protección para as Aves das trinta e nove que hai en España.


Dende o centro afirman que «é importante concienciar ao alumnado de que as aves son imprescindibles para o medio ambiente, xa que cumpren funcións únicas que non realizan todas as especies de animais. Sen elas poderiamos entrar nun rápido declive social porque as enfermidades e pragas que se poden xerar son inimaxinables. Con esta mostra queremos contribuír a que todos e todas protexamos as aves que viven na nosa contorna ou que están de paso, posto que o noso mar é fundamental na ruta migratoria de moitas especies atlánticas».


A exposición foi cedida polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) que promove a educación ambiental en todos os sectores sociais.