Un total de 3.032 empresas e persoas autónomas da provincia da Coruña presentaron este ano as súas solicitudes para optar ás axudas PEL 2023 da Deputación da Coruña. O prazo de recepción de solicitudes rematou este 10 de marzo, ás 14.00 horas. A Deputación da Coruña distribuirá entre as catro as liñas preto de 11 millóns de euros euros, destinados a fomentar as novas contratacións, contribuír á modernización do tecido empresarial e prestar o apoio ás persoas autónomas.
A meirande parte das solicitudes dirixíronse á liña PEL-Autónom@s, consolidándoa como a liña máis demandada, cun total de 1.216 solicitudes. A través desta liña a Deputación da Coruña recoñece o importante papel que xogan os autónomos no tecido económico provincial, sustento da economía local.
Nesta axuda, destinada ás persoas autónomas da provincia con menos de 5 anos de antigüidade na actividade empresarial e con domicilio fiscal en concellos de menos de 20.000 habitantes, as persoas autónomas optan a unha subvención de ata 2.400 € para sufragar ata un ano de cotas á Seguridade Social que xa non estean suxeitas a ningunha bonificación, nin redución.
A axuda de PEL-Emprende investimento, con 953 solicitudes recibidas, mantense como a segunda liña que máis instancias recibe, presentándose nesta anualidade unha cifra similar á da anualidade anterior. As axudas á contratación de PEL-Pemes recibiron un total de 863 solicitudes entre as dúas liñas de subvención, 615 delas novas solicitudes e 248 para sufragar un segundo ano das contratacións subvencionadas en 2022.