- A exposición foi inaugurada este luns e poderá visitarse ata o 20 de decembro
O centro comunitario de Caión acolleu este luns a inauguración de ‘Leviatán’, unha mostra do artista vigués Ramón Trigo coas baleas como protagonistas. A exposición, organizada grazas á colaboración entre o Concello e a Consellería do Mar a través do GALP Costa da Morte, está enmarcada dentro do programa Pasaporte REMA de espazos museísticos atlánticos.
‘Leviatán’ está composta por esculturas, tintas, lenzos e debuxos de gran formato onde se mostra, en palabras do propio autor, a súa «obsesión coas baleas». Ademais, Trigo destacou que Caión foi o lugar elixido para a inauguración das súas obras polo «entorno incomparable» do centro comunitario e, sobre todo, pola «historia sorprendente» da vila en relación coa caza deste mamífero.
O rexedor larachés, José Manuel López Varela, convidou a todos os veciños a que visiten esta «xoia» que estará a disposición do público de luns a venres, de 17:00 a 20:00 horas.