As bandeiras azuis xa ondean nas praias carballesas

1 minutes read

A Bandeira Azul volve a ondear nas praias de Baldaio-Saíñas, Pedra do Sal e Razo como símbolo da boa calidade das augas de baño, dos areais e dos servizos que se prestan aos usuarios e usuarias. A calidade ambiental e a excelencia na prestación dos servizos son os eixos arredor dos que xira a acción da Concellaría de Medio Ambiente, e por iso en Carballo tamén ondea outra bandeira, a do Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría (EMAS), que implica un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e a atención aos usuarios e usuarias.

Un ano máis, este sábado izáronse as bandeiras que simbolizan os valores do litoral carballés. No acto participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales; o coordinador de Protección Civil, Javier Souto, e unha representación da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e da Unidade de Salvamento Acuático, aos que se sumou en Razo o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo.