O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na entrega do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2023 no marco da 5ª Xornada de Bibliotecas Públicas. Nesta edición foron recoñecidos os proxectos da Biblioteca Municipal Alfonso Castelao de Betanzos por Boa práctica Club de lectura da historia de Betanzos (na categoría de entidades locais con máis de 10.000 habitantes) e a Biblioteca Municipal de Cenlle pola iniciativa Colaborando co cole: biblioteca para tod@s (entidade local cunha poboación de ata 10.000 habitantes).
En concreto, no caso de Betanzos, valorouse a capacidade de innovación da biblioteca a través dun proxecto baseado en crear alianzas estratéxicas, empregar mediadores e tecer redes de colaboración con entidades sociais. “A través dunha actividade aparentemente tradicional como é un club de lectura, reoriéntase a novos destinatarios que xeralmente nin participan nin teñen posibilidade de participar en iniciativas culturais”, sinalou o director xeral de Cultura.
En canto a Cenlle, o xurado tivo en conta a capacidade amosada para impulsar e dinamizar a apertura deste centro bibliotecario, deseñando un conxunto de actividades organizado, estruturado e coherente de cara á posta en funcionamento deste servizo, que lle permitiu obter un gran éxito de público nos primeiros meses desde a apertura. A comisión tamén valorou positivamente a dimensión social deste proxecto e a implicación da comunidade educativa.