O informe da Rede de Bibliotecas de Galicia sinala que as bibliotecas carballesas destacan moi especialmente en canto ao espazo, o horario, a dixitalización, a dinamización, a facilidade de acceso, a sustentabilidade e a dotación orzamentaria, polo que, tal como indica o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, “seguiremos traballando para que acadar a excelencia en todos os indicadores tamén de xeito individual”.
Nas bibliotecas de Carballo atoparás máis de 80.000 títulos de libros, sobre todo, pero tamén de publicacións periódicas e audiovisuais, e un fondo local integrado por 2.800 obras. Ademais, ofrecen 279 postos de lectura, 16 postos con ordenador e unha amplísima oferta de actividades. No ano 2021 realizáronse 147, nas que participaron máis de 5.200 persoas. O ano pasado había 10.697 veciños e veciñas de Carballo co carné das bibliotecas, pero a cifra non para de aumentar, e no que vai de ano xa se levan tramitadas máis altas que en todo o 2021. Na Biblioteca Rego da Balsa recibíronse o ano pasado un total de 40.865 visitas e realizáronse 26.576 préstamos, e pola Biblioteca da rúa San Xoán pasaron 15.229 persoas e realizáronse 3.224 préstamos.