O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, fixo entrega de novos intercomunicadores destinados a todos os compoñentes das brigadas dos 19 distritos forestais galegos. Personificando a achega nun xefe de brigada por cada provincia, puxo de relevo que os 1.700 equipos adquiridos permitirán mellorar a seguridade do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e a súa resposta, tanto durante a extinción dos lumes como prestando outro tipo de asistencia no rural da comunidade.
Os novos intercomunicadores reforzarán a comunicación interna das brigadas que utilizan estes equipos na mesma canle, polo que aumentará considerablemente a seguridade nos labores de extinción. Nesa liña, non interferirán nas comunicacións da rede Tetra, trasladándose de maneira directa as tácticas do plan de extinción a todos os compoñentes das brigadas, ao tempo que cada un destes compoñentes poderán tamén enviar información e recibir mensaxes dende o lugar de traballo que teñan asignado.
Nese senso, cabe apuntar que os intercomunicadores poden acadar un rango de ata 10 km de distancia. Entre outras particularidades, ademais, os novos equipamentos son resistentes á auga e dispoñen de 16 canles de comunicación, así como de máis de 121 códigos de privacidade.
En definitiva, os novos equipos que estarán en mans de todos os compoñentes de brigadas forestais dos distritos galegos contribuirán a contar cunha rede interna de comunicación máis eficaz, posibilitando que todos os bombeiros forestais poidan transmitir e recibir información aínda que estean afastados entre eles durante a extinción dun incendio, co conseguinte aumento das garantías de seguridade.
Así mesmo, a mellora da comunicación beneficiará o desenvolvemento do resto de tarefas que desempeña o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, prestando apoio á poboación rural ou contribuíndo á conservación dos ecosistemas forestais e do medio natural.