As brigadas medioambientais da Laracha actúan no castro de Montes Claros

A actuación principal céntrase no desbroce da maleza e na eliminación dos rebrotes dos eucaliptos que foran cortados no pasado verán. Ademais, ás cepas aplicaráselle un tratamento específico precisamente para evitar futuros rebrotes desta especie. As árbores que se conservan no ámbito son as autóctonas, como os castiñeiros e os carballos, que nalgúns casos foron enxertadas.
O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira Patricia Bello, acudiron ao castro de Montes Claros para interesarse polos labores que están a levar a cabo as brigadas medioambientais municipais. Cabe lembrar que durante o pasado mes de agosto o campo de voluntariado desenvolvido neste lugar tamén realizara actuacións de similares características ás que se están acometendo nestes momentos. Todos os traballos realízanse baixo a coordinación dun equipo de arqueólogos.
Segundo os estudos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o castro de Montes Claros é un dos máis grandes entre os que están catalogados en Galicia. O xacemento foi incluído no Plan Especial de Patrimonio Cultural promovido polo goberno local, o que posibilitou a adquisición polo Concello da Laracha de parte dos terreos que albergan o castro e que son obxecto desta intervención. As parcelas restantes tamén pasarán a ser de titularidade municipal unha vez concluído o procedemento de adquisición que xa está moi avanzado.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha