Este Nadal, e aproveitando as vacacións escolares, os Museos Históricos Coruñeses promoven unha serie de percorridos guiados polas casas-museo da Coruña. Esta iniciativa, que tamén abrangue obradoiros familiares, busca dar a coñecer entre a cidadanía a evolución e percorrido de figuras clave na historia da Coruña, como María Pita, Santiago Casares Quiroga e a súa filla, María Casares, e Pablo Picasso.
A Casa Museo María Pita abrirá as súas portas os días 27 e 29 de decembro, con actividades para que as persoas asistentes poidan coñecer a historia de María Pita, os escenarios onde aconteceu a súa loita pola cidade ou as estancias da súa casa.
Por outra banda, na Casa Museo Casares Quiroga ofreceranse dúas xornadas cos percorridos guiados ‘Pegadas históricas’. Terán lugar os días 28 e 30 de decembro, sempre en dúas quendas (11.00 a 12.00; e de 12.15 a 13.15 horas).O público asistente poderá gozar cunha visita ás diversas estancias da casa da familia Casares Quiroga, achegándose a momentos de grande relevancia histórica e política na cidade. Tamén á figura de María Casares, que este ano, e co gallo do centenario do seu nacemento, foi unha das figuras centrais na programación de actividades do Concello a través da área de Cultura.
Xa os días 3 e 4 de xaneiro, a Casa Museo Picasso acollerá diversas actividades orientadas tanto aos máis pequenos como ao público adulto. Por exemplo, os obradoiros familiares sobre a vida e obra de Pablo Picasso a través da experimentación coa técnica de gravado. Ademais, abordaranse as características da técnica para poder facer creacións propias. A actividade está recomendada para menores de entre 6 e 12 anos.
Todas as actividades, que serán de balde, estarán limitadas a 15 prazas por quenda, por cuestións de capacidade nas casas-museo.
A inscrición poden levarse a cabo a través do teléfono 981 189 854, en horario de martes a sábado (11.00 a 13.30; e 18.00 a 20.00 horas).