As catro fins de semana de novembro acollerán a segunda edición de ‘Destapa A Laracha’

2 minutes read

Destapa a Laracha, o evento gastronómico que organiza o Concello e no que están convidados a participar todos os locais de hostalería do termo municipal, celebrará a súa segunda edición nas catro fins de semana do mes de novembro cos obxectivos de dinamizar o sector da restauración, potenciar os produtos locais, fomentar a colaboración e as relacións comerciais entre o tecido empresarial larachés e desestacionalizar a oferta turística.

A principal novidade deste ano será a existencia de dúas modalidades diferentes no concurso, unha na que a elaboración dos petiscos debe ser tradicional e outra, vangardista. Para cada unha delas haberá un premio de 1.000 euros á elaboración que sexa mellor valorada tanto polos propios consumidores como polo xurado de expertos que será nomeado polo Concello.

Cada establecemento decidirá libremente se participa só nunha ou en ambas modalidades, como tamén poderá escoller as datas e as franxas horarias nas que ofrecerán as tapas ao público previa comunicación á organización do evento. En todos os casos, os petiscos tradicionais terán un prezo de 1,90 euros e os vangardistas, 2,50 euros.

Do mesmo xeito que en anteriores eventos gastronómicos organizados polo Concello, aqueles consumidores que emitan o seu voto válido e que, polo tanto, formen parte do xurado popular, entrarán no sorteo de premios.

Nos próximos días as bases de Destapa A Laracha publicaranse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e será nese momento cando se abra o período de inscricións. Non obstante, os locais interesados teñen á súa disposición a Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local para ampliar información ao respecto.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?