As choivas do novo ano deixaron inundacións en varias localidades

1 minutes read

As intensas precipitacións e os fortes ventos deixaron en Galicia máis de 1.400 incidencias en vinte e catro horas.

En Lugo houbo desbordamento do río Asma que asolagou edificios e decenas de vehículos en Chantada. Sarria tamén quedou profundamente afectado por estas choivas. Desbordou o Loio e hai varias vivendas e garaxes inundados.

En Ourense, no Carballiño, o río Arenteiro tamén botou por fóra e anegou varias instalacións, entre elas unha piscifactoría. A igrexa da parroquia de Sagra tamén quedou totalmente tomada pola auga. En Ribadavia e Ourense cidade, houbo garaxes e baixos anegados.

O sur da provincia de Pontevedra foi unha das zonas máis prexudicadas. No concello de Ponteareas acumuláronse máis de 70 litros por metro cadrado. En Mondariz balneario, o Tea desbordou a altura da fonte do Troncoso.

Ademais, suspendeuse a circulación ferroviaria entre As Gándaras e Guillarei pola caída de árbores sobre a catenaria. Segundo informou Adif, afectou á pasaxe do tren de media distancia MD 12613, que une Ourense e Vigo.