As Cíes serán o laboratorio de probas dun proxecto pioneiro sobre macroalgas


Os hábitats mariños das Illas Cíes serán o laboratorio de probas natural para experimentar e levar a cabo o traballo de campo do proxecto Alganat2000, unha investigación pioneira a cargo dun equipo científico da Universidade de Vigo (UVigo) e que centra o seu estudo en cinco especies de macroalgas co fin de garantir a xestión sustentable e conservar a biodiversidade en áreas mariñas protexidas nas que se desenvolve unha actividade pesqueira.

Detrás desta iniciativa atópanse 11 investigadores de dous grupos dos departamentos de Ecoloxía e Bioloxía Animal (dependente da Facultade de Bioloxía) e de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente (da Escola de Enxeñaría Forestal), que contarán para desenvolver o proxecto co apoio loxístico e a colaboración de persoal do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

O obxectivo principal de Alganat é aportar unha ferramenta xeoespacial, innovadora e de baixo custo para facer unha cartografía e monitorización periódica das macroalgas presentes no medio mariño, así como do seu estado fisiolóxico. A importancia desta novidosa técnica reside en que permitirá reducir os custos das mostraxes de campo ao pasar dos actuais operativos in situ, que precisan mobilizar moitos recursos tanto humanos como económicos, a outros de tipo remoto e baseados na teledetección.

Aínda que o proxecto se desenvolve de forma piloto no Parque Nacional e máis concretamente, nas Cíes, as técnicas xeoespaciais que se deseñen baixo o seu paraugas así como a plataforma informática que lles dará apoio tamén poderán ser aplicables a outras áreas mariñas, protexidas ou non.

Ademais, Alganat tamén permitirá incrementar o coñecemento científico-técnico que se ten das áreas mariñas e facilitar a transferencia de resultados tanto ao sector pesqueiro como a outros organismos públicos encargados da xestión destes espazos co fin de potenciar unha pesca sustentable.

Cómpre lembrar que as macroalgas cumpren unha función clave na captación do carbono e proporcionan ademais o seu hábitat a numerosas especies mariñas, incluíndo aquelas de interese comercial, de aí a importancia de dispoñer de información periódica sobre o seu estado fisiolóxico e abundancia nos hábitats intermareais. Así, cómpre lembrar que debido á súa composición bioquímica, as algas utilízanse para a produción, entre outros produtos, de antibióticos, cosméticos, fertilizantes e bioindicadores.