As cortas solicitadas no 2018 en Galicia superaron amplamente os nove millóns de metros cúbicos de madeira, o que supuxo acadar rexistros nunca observados nesta comunidade. Así o avanzou hoxe o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, na comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes na que compareceu a petición propia e onde explicou que estas cifras supoñen máis da metade da madeira cortada en todo o estado. Neste sentido, sinalou que estas cortas estarían relacionadas coa tramitación de máis de 100.000 expedientes de corta, é dicir, segundo unha primeira estimación, uns 70.000 propietarios forestais venderían madeira por un prezo aproximado de 300 millóns de euros, clarificou José Luis Chan. Nesta comisión, o novo director adscrito á Consellería do Medio Rural aclarou a organización interna e as funcións do seu departamento, que aglutina todo o inherente á política forestal, desenvolvemento das medidas relacionadas coa planificación, ordenación, fomento e mellora da produción e conservación dos recursos forestais.