‘As Crebas da Memoria’ chegaron a Malpica da man da súa autora, Olga Rodríguez. O acto foi presentado por Emma Abella. A concelleira de Cultura Noelia Freijeiro cualificou a obra como «as lendas tamén afondan na expresión dos nosos medos, das nosas inquedanzas, dos soños, do xeito especial en que, neste caso, as xentes de Bergantiños entendemos o noso mundo e nos relacionamos con el. En definitiva son un espello singular que reflexa como pensa e sinte o noso pobo, un espello singular da nosa alma colectiva».
Freijeiro tamén explicou que o proxecto de Olga era algo que dende o Concello o tiñan que apoiar por formar parte do patrimonio inmaterial de Malpica.
Olga Rodríguez fixo unha maxistral presentación da súa obra e indicou que este libro é un agasallo para a xente de Malpica da que tanto aprendeu durante os 33 anos que exerceu como docente na vila.
A autora, ao finalizar o acto, procedeu á firma de exemplares desta fermosa obra que sen dúbida é todo un éxito.

Ao evento tamén asistiron membros da corporación municipal e numeroso público.