- O actor Miguel Pernas despáchase na Galega contra a política lingüística da Xunta.
Son dous espazos de análise política os que ocupan a programación da Radio Galega. Un matinal, no Galicia por Diante e outro nocturno, en A Crónica. Espazos cun amplo elenco de colaboradores como o xornalista Fran Espiñeira, os tamén xornalistas do ABC Bieito Rubido e Jose Luis Jiménez, o profesor Miguel Anxo Bastos, ou o ex socialista Carlos Príncipe.
Pero aínda cunha ampla aliñación resulta complicado atopar voces claramente discordantes dunha semellante versión.
Na madrugada do pasado venres as críticas non viñeron neses faladoiros, senón no programa humorístico Déitate, de Carlos Jiménez.
Como convidado, o actor Miguel Pernas, que non reparou en ir ao ataque contra a política lingüística da Xunta á luz dun estudo concluínte na baixada do emprego do galego na mocidade.
«Isto está inmerso nun plan dos dirixentes políticos deste país para non afondar en defender o galego, que é unha lingua propia. É increíble o que está pasando, un Estado que ten catro linguas e catro culturas diferenciadas é un Estado rico, e non se poden dar paos contra esa riqueza como fai o PP de Feijóo».
O dito, sen pelos na lingua un venres pola noite.