O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se regula o pago mediante transferencia bancaria e xiro postal das débedas cuxa xestión recadatoria ten encomendada a Axencia Tributaria de Galicia (Atriga). Esta norma permitirá, previa publicación das respectivas resolucións da Atriga, o emprego destes medios para o pago dos tributos autonómicos. Trátase de ampliar as posibilidades de pago das que xa dispoñen os cidadáns, e no caso do pago mediante transferencia bancaria, dar resposta a todos aqueles casos nos que o contribuínte non ten aberta unha conta en ningunha das entidades colaboradoras coa Atriga. Esta medida enmárcase nas actuacións desenvoltas pola Axencia Tributaria de Galicia para reforzar e avanzar na información, e simplificar a asistencia a todos os cidadáns.
32