As dependentas de Inditex en folga neste Black Friday


A segunda xornada de folga nas tendas de Inditex da provincia da Coruña, tras a celebrada o xoves de forma preparatoria á convocada este venres como mobilización principal, coincidiu co Black Friday e rexistrou un seguimento “moi amplo”. “A maioría do persoal, un 90%, non foi a traballar, as dependentas estamos na rúa tanto na Coruña, como en Ferrol e en Santiago”, confirmou a delegada da CIG no comité de empresa de Stradivarius na provincia da Coruña, Lucía Domínguez, durante a mobilización celebrada este mediodía na cidade herculina.

Lucía denunciou que existen casos “en similar categoría e cualificación que cobran ata o dobre” e indicou como “problema engadido” que “a maioría” das dependentas están “a tempo parcial”. “Os contratos de tempo completo están reservados como premios a persoal responsable e mandos intermedios”, polo que na súa folga buscan unha mellora no seu salario e nas súas condicións.

En canto a próximas mobilizacións, anunciou que se a empresa “non pon nada encima da mesa que satisfaga ás traballadoras” continuarán coas convocatorias de folga “no mes de decembro e xaneiro”. “Seguiremos ata que rectifique a diferenza salarial á que ten sometidas ás dependentas das tendas”, asegurou a delegada sindical.

A folga de empregados de Inditex, que ten a súa sede en Arteixo (A Coruña), está convocada para as persoas que traballan nas tendas do grupo: Zara, Bershka, Pull&Bear, Oysho, Zara Home, Massimo Dutti, Lefties, Stradivarius, Kiddy’s Class e Tempe.