As deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra garanten o apoio á prestación dos GES

Actuación GES_Arquivo.

Os entes provinciais coincidiron en apostar pola substitución do actual modelo por outro que avance na profesionalización dos GES e que modifique o actual marco laboral do persoal. Neste sentido, na reunión propuxéronlle á Xunta de Galicia prorrogar por un ano o convenio actual, en vigor ata finais deste 2021, e durante ese tempo buscar e consensuar, dende a lealdade institucional, un novo modelo que garanta un servizo profesionalizado e que evite a fraude na contratación por parte dos concellos por mor do incumprimento da lexislación laboral, tal e como xa acreditan reiteradas sentenzas xudiciais. Estes ditames demostran que non é posible manter un sistema que leva a perpetuar vicios e irregularidades que se coñecen de antemán.

Os tres entes provinciais reclamaron á Xunta que acabe cos intentos de imposición e que adopte unha actitude de diálogo porque todo convenio de colaboración leva implícito un acordo entre as partes. Tamén reclaman que o Goberno autonómico teña en conta a opinión e a vontade dos concellos, e que non tome decisións unilaterais.

Neste sentido, destacaron que a Xunta non explicou aínda por que o GES que estaba decidido crear en Baleira finalmente non se constituíu e, sen embargo, intenta impoñerllo á Fonsagrada, cando este Concello manifestou que non está en disposición de acollelo.

Do mesmo xeito, piden que se teña en conta a petición dos concellos de Folgoso de Courel e de Quiroga para manterse como sub-bases con 6 efectivos cada unha, así como o desexo de Ribas de Sil de contar con outra sub sede na localidade.