As discotecas e os pubs de Galicia abrirán a partir de xullo

Reunión do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os conselleiros_Xunta
  • O Goberno galego prefire agardar a que se poida avaliar o resultado do levantamento doutras restricións

A Xunta de Galicia decidiu este luns retrasar unhas semanas a entrada en funcionamento das discotecas e dos restantes establecementos de ocio nocturno, de xeito que a apertura deste tipo de locais estará autorizada a partir do vindeiro mes de xullo.

En opinión do Goberno galego, o funcionamento destes locais non procede por agora e considera preferible agardar a que se poida avaliar o resultado do levantamento doutras restricións, como o libre tránsito entre as catro provincias galegas que entrou hoxe en funcionamento xunto coa entrada da Comunidade Autónoma na fase 3.

Durante as conversas mantidas con membros do sector, a Xunta de Galicia recoñeceu e agradeceu o esforzo que está a facer ao ver prolongadas as restricións que lles afectan en aras da maior seguridade para o conxunto dos galegos, e trasladoulle o seu compromiso para seguir traballando conxuntamente co obxectivo de que a apertura a partir de xullo poida facerse nas condicións máis viables que sexan posibles.