Tras a confirmación oficial de As Eiroas como sede da celebración do partido de Copa do Rey entre o Bergantiños FC e o Raio Vallecano, desde o club carballés están a traballar sen descanso para ofrecer todas as comodidades e toda a seguridade que o afeccionado se merece e que se axusten a este tipo de partidos. Para iso comezouse a reaxustar a iluminación, a localización do público – con prioridade aos socios- e a ampliación do aforo para que a maior cantidade de xente posible poida gozar desta importante cita copeira.
Tal e como acordaron todas as partes implicadas no proceso, nunha reunión mantida este venres, o campo contará cunhas 400 prazas sentadas a maiores para público en xeral. Para iso instalarase unha bancada supletoria en fronte a tribuna, é dicir, paralela á rúa Bronce, que estará limitada á circulación, e non detrás da portería como se rumoreou nalgún momento.
Desta forma poderíase chegar a alcanzar unha cabida de aforo total próxima ás 1.300 persoas sentadas. Un aliciente moi importante de fronte ao xogador número 12 que sempre se refire ao apoio do público da bancada. A venda de entradas vai a moi bo ritmo, tamén para o partido de liga que o Bergantiños xogará contra o CDA Navalcarnero.