As emprendedoras poden solicitar ata o 16 de agosto as axudas do programa Emega


As mulleres emprendedoras galegas poden solicitar ata o próximo 16 de agosto as axudas da nova convocatoria do programa Emega de emprendemento feminino, dotado con 3,2 millóns de euros, un 54% máis que no ano anterior, e que acada este ano o seu orzamento máximo.


O programa está integrado por catro liñas: Emprende, para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas; Activa, que busca a reactivación e consolidación de proxectos empresariais; ITEF, para a posta en marcha de novas iniciativas empresariais de carácter innovador no eido da investigación e da tecnoloxía; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para favorecer a conciliación tanto das promotoras como das persoas traballadoras ao seu cargo.


A contía dos apoios vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 42.000, baremados en función da liña solicitada e do número de postos de traballo (de un a máis de catro) ocupados por mulleres nestas empresas.


Para resultar beneficiarias do programa Emega, as mulleres emprendedoras deben liderar unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia e deben ter, entre outros requisitos, vinculación laboral co proxecto que, á súa vez, ten que ser viable económica, técnica e financeiramente.