As empresas continúan instalándose no polígono carballés de Bértoa, que só dispón de 13 parcelas

1 minutes read
  • O nivel de ocupación supera xa o 90% da superficie

Nin a crise económica na que levamos fai uns anos nin a motivada pola pandamia da Covid-19 frean a actividade no polígono de Bértoa, en Carballo. Segundo os datos aportados polo Concello e Xestur Galicia, das 128 parcelas existentes no polígono só hai 13 dispoñibles, 5 menos que a principios de ano. O nivel de ocupación supera xa o 90% da superficie, e a ampliación comprometida para este ano pola Xunta de Galicia urxe cada vez máis «posto que esas 13 parcelas ou ben son de dimensións reducidas ou están destinadas ao uso terciario, o que dificulta o desenvolvemento de proxectos industriais», destacan desde o goberno local.

Nos últimos 10 anos tramitáronse 112 licenzas para a construción de naves industriais, e o polígono carballés continúa á cabeza en Galicia tanto en adxudicacións de solo por parte de Xestur como na creación de empresas. De feito, neste primeiro cuatrimestre aprobáronse licenzas para outros catro proxectos empresariais: a construción dunha nave destinada a montaxe de casas prefabricadas, outra para almacén de maquinaria e materiais de obra, unha terceira nave para a comercialización de compoñentes agroindustriais e a cuarta licenza fai referencia á construción de ampliación dunha nave industrial destinada a taller de mecanizados.