As empresas galegas ocupan a sexta posición no uso do teletraballo


  • Máis dun 13% das empresas galegas conta con perfís dixitais.

A transformación dixital está a mudar a configuración do persoal do tecido produtivo galego. Este ano un 13,6% das empresas galegas de 10 ou máis empregados conta con perfís TIC entre os seus traballadores e un 9% contratou ou tentou contratar un especialista do ámbito tecnolóxico no último ano. A pesar de que aínda son porcentaxes baixas polo carácter emerxente destas tecnoloxías, Galicia ocupa a segunda posición entre as comunidades que contratan perfís especialistas en Intelixencia Artificial e o noveno posto en Ciberseguridade.

Os perfís máis habituais entre as empresas que contratan este tipo de profesionais son os especialistas en Xestión do dato, que representan un 8%, seguidos dos expertos, seguidos de profesionais de Ciberseguridade (5,1%), e expertos en Intelixencia Artificial que supoñen un 2,1%. Estas son algunhas das conclusións que se extraen da enquisa sobre “O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2020/2021” publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Os datos tamén reflicten o impacto da Covid-19 na adopción do teletraballo. Así o 45,3% das empresas de máis de 10 empregados afirma contar con persoal que teletraballa, o que sitúa a Galicia como a sexta Comunidade Autónoma con maior uso desta modalidade.