As empresas reciben asesoramento sobre retos e oportunidades para a loxística vinculadas ao Brexit

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou na xornada dixital Análise dos retos loxísticos e oportunidades de negocio vinculadas ao Brexit, encontro que forma parte do ciclo Brexit Galicia, organizado pola Xunta de Galicia para achegar información actualizada sobre o impacto da saída do Reino Unido da Unión Europea e analizar accións de mellora para sectores estratéxicos da economía galega como o agroalimentario, o téxtil e a automoción, ademais do loxístico.

Na súa intervención, o director do Igape salientou que, ao tempo que están en funcionamento as medidas de apoio activadas pola Administración autonómica, estase a realizar unha avaliación sobre o impacto do Brexit no tecido produtivo galego. Guldrís invitou a todas as empresas a colaborar, respondendo ás sete preguntas que inclúe o cuestionario da enquisa dispoñible na páxina web do servizo Igape Responde Brexit.

Na xornada, a segunda do ciclo que comezou o pasado mes de xaneiro, participaron representantes da Subdirección Xeral de Xestión Aduaneira da Axencia Tributaria, o Clúster da Función Loxística de Galicia e a empresa galega Finsa, que ten ao Reino Unido como un dos mercados destino dos seus produtos.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha