As enquisas para o 26M afastan o PP dos principais postos do poder local galego


  • A perda da maioría do PP na Deputación de Ourense entra por primeira vez en campaña como hipótese viable

Este 19 de maio foi o derradeiro domingo previo á entrada en vigor do veto á publicación de enquisas ata a celebración das eleccións municipais e europeas, en virtude do estipulado pola lei electoral. A inminencia dese prazo legal precipitou a publicación de inquéritos por parte das editoras de varios xornais impresos en Galicia con cifras dispares pero cunha diagnose xeral coincidente: atendendo aos seus prognósticos, o PP continuaría afastado dos principais postos do poder local en Galicia. Isto é, da maioría das alcaldías urbanas e sen posibilidades claras de sumar gobernos nas deputacións.

O escenario debúxase cun PSOE á alza na maior parte das cidades cun PP que non se dá recuperado plenamente dos devalos de 2015 e das xerais, mentres as mareas perderían forza e o BNG regresaría ás corporacións das que desapareceu hai catro anos ademais de reforzar o seu goberno en Pontevedra

Os socialistas, beneficiaríanse dunha baixada das mareas gobernantes -agora especialmente de Ferrol en Común e Marea Atlántica- que situaría ao seu alcance as alcaldías de Ferrol, A Coruña e Santiago -neste último caso, perseguido de cerca por unha Compostela Aberta en recuperación e mais polo PP-, que o PP non sería quen de aproveitar. Ademais, auguran que o PSdeG podería seguir gobernando Lugo, Abel Caballero arrasaría en Vigo e o ourensán Rafael Rodríguez Villarino tería posibilidades de erguer o bastón de mando na que neste mandato foi única alcaldía urbana do PP. O BNG, pola súa banda, podería aspirar á maioría absoluta en Pontevedra.