A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lembrou que as entidades colaboradoras de pesca xa poden solicitar as axudas para levar a cabo tarefas de vixilancia nos ríos, fíxoo nunha reunión con membros da asociación de pescadores da Ulloa, aos que lles recordou que o Diario Oficial de Galicia publicou a orde de axudas o pasado 22 de marzo por un importe de 80.000 euros que recolle a posibilidade de conceder incentivos para actividades e investimentos de fomento da riqueza piscícola, así como accións de carácter divulgativo e formativo.
De paso defendeu que o traballo que realizan os pescadores é un labor fundamental para o coidado e posta en valor dos ríos, polo que agradeceu a súa implicación e animounos a solicitar unha a axuda prevista na nova convocatoria e seguir impulsando actividades de vixilancia dos tramos de pesca fluvial, e as actividades divulgativas ou formativas, tanto presenciais como telemáticas. As entidades interesadas, segundo explicou a conselleira, dispoñen dun prazo de algo menos dun mes para poder presentar as súas solicitudes.
