As escolas infantís serán gratuítas para o segundo fillo desde abril

xunta.gal

  • A gratuidade implantarase tanto nas escolas infantís públicas da Xunta como nas concertadas

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou este martes que Galicia iniciará neste 2020 a universalización da educación infantil, que permitirá que a partir de 1 de abril as escolas infantís de 0 a 3 anos sexan gratuítas para todas as familias galegas para os segundos fillos e sucesivos.

Esta iniciativa, pioneira e sen precedentes en toda España, beneficiará ás familias duns 12.500 nenos. Feijóo explicou que para levala a cabo a Xunta investirá neste 2020 máis de 14 millóns de euros e que se implantará en escolas infantís públicas da Xunta como nas concertadas, aínda que as privadas tamén poden acollerse a ela.

Ao longo da súa intervención, Feijóo lembrou que esta vocación de Galicia de converterse en referente na gratuidade da atención aos nenos desde os seus primeiros pasos non é nova, xa que desde 2016 as familias que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes xa teñen acceso a un servizo 100% gratuíto con casas niño.

Ademais, o presidente tamén destacou que no primeiro trimestre deste ano a Xunta de Galicia levará ao Parlamento autonómico a primeira Lei de impulso demográfico de España, que incluirá, entre outras iniciativas, medidas para dar un novo impulso á conciliación, coa ampliación dos horarios das escolas públicas infantís.