A Deputación da Coruña levará ao pleno de maio a aprobación dun investimento de 369.774 euros para renovar completamente o firme de tres quilómetros da estrada provincial DP 6805 de Campara a Pazos, en Ponteceso.
Esta obra foi unha das principais demandas que lle trasladou o alcalde, Lois García Carballido, ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, durante a reunión que mantiveron o pasado mes de xaneiro na sede da institución provincial. Neste encontro, o rexedor pontecesán solicitou a execución de melloras nos viais provinciais de acceso a Corme por Pazos, A Campara e Brantuas, como a citada DP 6805 e a DP 6801, que conforman un tramo duns 10 quilómetros que atravesa os núcleos de Brantuas, A Campara e Pazos.
A primeira destas obras verá a luz verde no pleno provincial do vindeiro venres e consistirá na renovación completa da capa de rodaxe da DP 6805 entre os pq 0+000 e 3+000 (Campara dirección Pazos)
As obras comezarán coa apertura de cunetas e limpeza das marxes do vial para continuar despois coa limpeza e reparación das zonas máis danadas do firme e o acondicionamento dos accesos para evitar que entre a auga nas vivendas.
Dado que o firme actual conta só cun tratamento superficial e é bastante irregular, executarase unha nova capa de regularización de espesor variable e completarase a actuación coa dotación dunha capa de mestura asfáltica en quente de 4 cm de espesor.
As obras incluirán tamén a substitución de 40 metros de baranda metálica galvanizada e a colocación dunha nova bionda de seguridade e a posta a terra das terminacións da bionda xa existente.
O prazo de execución das obras será de cinco meses a partir do seu inicio.