As familias de Vimianzo poderán solicitar axudas de 300 euros por nacemento, adopción ou acollida

PIXABAY

  • As solicitudes poden presentarse no prazo dun mes, a contar desde o día do nacemento da nena ou neno

O Concello de Vimianzo convoca as axudas por nacemento, adopción e acollida destinadas aos pais, nais e tutores legais da rapazada nacida, adoptada ou acollida polas familias desde o 1 de decembro de 2020 ao 31 de decembro de 2021.

A persoa solicitante ten que ter a custodia da nena ou neno e toda a unidade familiar deberá estar empadroada no Concello de Vimianzo, e no mesmo domicilio familiar, incluído o menor nacido. Os proxenitores deberán comprometerse a permanecer empadroados na localidade, xunto co seu fillo, durante un período mínimo dun ano tras o nacemento do mesmo.

As solicitudes poderán presentarse por Rexistro Xeral do Concello de Vimianzo, e as bases poden consultarse no enderezo web da Administración local. Concederase unha axuda por nena ou neno de 300 euros, con independencia da renda familiar.

A concelleira de Benestar Social, María José Pose, comentou que “este tipo de axudas, cuxa contía aumenta con respecto as do pasado ano, sirven de pulo para as familias de Vimianzo que contan cun novo integrante na súa vida”.