- Actualmente non se contempla ningunha bonificación para este colectivo
O Concello de Camariñas realizará este xoves, 5 de novembro, un pleno extraordinario telemático que servirá para reducir nun 50% a taxa do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) para as familias numerosas, pois actualmente non se contempla ningunha bonificación para este colectivo. A xuntanza será ás 10:00 horas e poderá seguirse en directo a través da canle de Youtube municipal.
«Os interesados deberán presentar a solicitude antes do 31 de decembro para que teña efecto o próximo ano, de aí a necesidade de organizar este pleno”, precisa a rexedora, Sandra Ínsua.
Así, co novo texto aplicarase unha bonificación do 50% na cota íntegra do imposto a favor daqueles suxeitos que ostenten a condición de titulares de familia numerosa, e sempre e cando os bens sobre os que se pretenda aplicar a bonificación non teñan un valor catastral superior ós 100.000 euros.
Por outro lado, no pleno tamén se modificará a taxa dos servizos de redes de sumidoiros co obxectivo de equilibrar a táboa de ingresos e gastos. “Non ten afán recadador, só queremos lograr un equilibrio económico nas contas municipais xa que o custo do servizo incrementouse moito polo establecemento das depuradoras”, destaca Ínsua.