- O prazo para presentar as solicitudes –preferentemente por vía telemática-, finalizará o día 19 de xuño
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional abre o prazo para que as familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto e vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos, para o próximo curso escolar 2020/21.
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto desde o 20 de maio ata o próximo día 19 de xuño.
Con motivo da situación de crise xerada pola pandemia COVID-19, a Consellería de Educación aumenta as contías das axudas para a compra de libros (preto de 19,7 millóns de euros, o que supón un incremento de case o 63% con respecto aos 12,1 M€ do presente curso); e flexibiliza os límites de renda para acceder aos vales de libros, material escolar e ao Fondo Solidario de libros, cunha maior cobertura en canto ao alumnado beneficiario. A repartición de orzamento faise a razón de 7.750.000 € para o Fondo Solidario de libros de texto, 6.430.000 euros para as axudas a compra de libros e os 5.500.000 euros restantes para vales de material escolar.
Trámites por vía telemática
As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica (preferentemente) empregando a aplicación informática “ fondolibros” ( https://www.edu.xunta.es/fondolibros) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ou ben presencialmente nos propios centros docentes, así como en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.