As farmacias da Coruña inician este mércores un cribado masivo

2 minutes read
  • As probas, tests de saliva gratuitos, van dirixidas a persoas de entre 12 e 64 anos

Desde a tarde deste mércores será posible participar nun cribado masivo a través dun test de saliva gratuíto en case 480 farmacias de toda a provincia da Coruña. As persoas de entre 12 e 64 anos deberán presentar a tarxeta do Servizo Galego de Saúde (Sergas) en calquera botica sempre e cando non desen positivo por Covid-19 nos últimos tres meses nin fosen contacto de seguimento. Tampouco poden ter realizada unha PCR nos últimos 15 días nin presentar síntomas.

Esta iniciativa, que xa se puxo en marcha hai uns días en Pontevedra, é posible grazas a un acordo entre o colexio Oficial de Farmacéuticos e a Consellería de Sanidade, a través da dirección xeral de Saúde Pública.

Como solicitar o test?

Unha vez identificado o paciente obxecto da súa inclusión no cribado, a farmacia dará ao interesado, ou ben ao titor no caso dos menores de 16 anos, unha folla de consentimento que deberá cumprimentar. Despois entregaráselle un kit para o seu uso persoal que deixará rexistrado, vinculado á súa tarxeta sanitaria, e un teléfono de contacto para a comunicación dos resultados.

O paciente tamén será informado de como recoller a mostra e cando levala á farmacia. De feito, este deberá recoller unha mostra de saliva pola mañá, antes de beber ou lavar os dentes, para posteriormente entregala na farmacia seguindo as pautas e prazos dados, onde realizarán a recepción e custodia da mesma ata o seu envío ao laboratorio de referencia en Vigo.

A iniciativa ponse en marcha tras as fases iniciais levadas a cabo nos municipios de Arteixo e Culleredo desde mediados de marzo, así como o cribado en adolescentes de toda a provincia que arrincou o 19 de abril e no que están a participar na actualidade 476 farmacias da provincia, un 85 por cento das existentes.