As farmacias poderán subministrar os sistemas personalizados de dosificación de medicamentos


As farmacias galegas poderán subministrar os sistemas personalizados de dosificación de medicamentos aos pacientes no primeiro trimestre deste ano. Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha xornada organizada pola Asociación Española de Dereito Farmacéutico (ASEDEF).

Tal e como apuntou, é unha das demandas máis reiteradas polos pacientes e os profesionais de farmacia, xa que supón mellorar o seguimento e adherencia ao tratamento. Coa Lei de ordenación farmacéutica de Galicia –aprobada en 2019 e en pleno desenvolvemento-, simplifícase ao máximo o procedemento administrativo, ao permitir ás oficinas de farmacia prestar este servizo mediante unha declaración responsable, sen necesidade de esperar a que se tramite unha autorización.

O responsable da carteira de Sanidade da Xunta de Galicia salientou o avance no desenvolvemento da nova Lei farmacéutica de Galicia. Nestes momentos, están en pleno desenvolvemento outros cinco decretos que van regular: a planificación e autorización de novas oficinas de farmacia; os horarios e as quendas de garda; a sinalización, a publicidade e as actividades de promoción; a creación das unidades de farmacia de atención primaria; así como o subministro de medicamentos a domicilio. Todos eles, dixo, remataron o período de consulta pública o pasado venres.