As farmacias serán esenciais para aumentar a capacidade diagnóstica da covid-19


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou o acordo acadado co Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense para o cribado da covid-19. Galicia convértese así na primeira comunidade autónoma en establecer unha colaboración coas farmacias para aumentar a capacidade diagnóstica da covid-19 e poder detectar positivos máis rapidamente.

Segundo explicou García Comesaña, trátase dunha colaboración totalmente voluntaria e desinteresada por parte dos farmacéuticos ourensáns. Dende hoxe mesmo, e ao longo da vindeira semana, calquera cidadán dos concellos de Ourense, O Carballiño, O Barco, Verín, Barbadás, O Irixo e Boborás que o desexe, pódese facer un test serolóxico gratuíto para a detección de anticorpos da covid-19 nas oficinas de farmacia adheridas. No caso de atoparse algún positivo, dende a farmacia avisarase aos servizos sanitarios e realizaríaselle unha PCR.

O presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense, Santiago Leyes, precisou que para realizarse este tipo de probas, haberá que pedir cita previa online en citaprevia.cofourense.com ou de xeito presencial nas farmacias que participen nesta iniciativa. O conselleiro engadiu que hai xa ofrecementos doutros colectivos profesionais que confía que saian adiante, para poder colaborar e complementar, deste xeito, o traballo dos profesionais sanitarios, sumando todos esforzos na mesma dirección.