As festas de Bértoa, as únicas que arrasaron en asistencia de público este 15 de agosto na Costa da Morte

3 minutes read
  • Cinco horas seguidas de cumbia en Laxe ou o fallo de presenza da orquestra Marbella na Laracha estiveron detrás do desencanto dos asistentes a estas dúas grandes citas. En Cee tivo gran aceptación un festival remember de djs celebrado o xoves 13.

A competencia é cada día máis dura, tanto pola coincidencia de lugares en celebración como pola aposta polas grandes orquestras para competir en cartel.

O 15 de agosto é por excelencia un dos días con máis actos festivos e musicais no calendario anual de celebracións e por iso a forte demanda de formacións musicais reactiva a subida de prezos para a súa contratación.

Aí xogan un papel importante os representantes ou intermediarios da oferta de orquestras e grupos, que se aproveitan da situación de alta demanda para apertar ás comisións á hora de confeccionar o afiche para a súa parroquia. En moitos casos importándolles pouco a promoción adecuada para cada tipo de oferta.

Mostra diso é que a Panorama City, por poñer un exemplo, estaba citada para Bértoa desde hai un ano atrás, e así moitas outras das grandes formacións.

Bértoa non defraudou

Un minucioso traballo planificado durante varios meses fixo que as festas de Bértoa deste ano fosen das máis concorridas de toda a comarca, incluso o venres co grupo Bomba e unha disco móbil o campo da festa estaba cheo. Sen dúbida a gran aposta deste ano era a deste sábado 15 que como prato forte contaba coa actuación da Panorama City, unha das formacións máis cotizadas do sector.

Unha promoción adecuada en medios e unha selección controlada do «botellón» dentro do campo da festa marcaron a diferenza con outras citas da contorna e contribuíron a unha celebración moi tranquila, sen altercados e cunha estancia moi cívica durante todos os días e con miles de persoas abarrotando o campo da festa.

A única recensión respecto diso estaba fóra, na fachada da igrexa parroquial, onde as redes sociais convocaban a decenas de menores sen control e que por momentos poñían en perigo a súa integridade física e a dos condutores invadindo a estrada comarcal AC-552 de forma reiterada. En casos estes menores seriamente prexudicados polas bebidas alcohólicas, modelo de diversión que a autoridade competente deberíase de tomar un pouco máis en serio en controlar.

Estado do campo da festa de Bértoa na noite deste sábado 15 de agosto.

Desencanto en Laxe por varias horas seguidas cun marcado estilo musical

A planificación do día grande das festas de Laxe non estivo moi acertada este ano. En 2025 compaxinaban a actuación estelar de Ráfaga cunha orquestra de música variada e un dj, pero este ano optouse por un ‘recheo’ xunto coa actuación de Américo, un estilo moi definido de cumbia americana e o grupo E.H. co mesmo estilo que o anterior, polo que as queixas eran xeneralizadas no campo da festa ao estar máis de catro horas predominando a cumbia suramericana como sintonía rítmica.

A Laracha tampouco encandeou

O que parecía un inicio de festa espectacular coa presenza da orquestra Marbella todo quedou nun intento ou simulacro. Os asistentes tivéronse que contentar coa actuación dun dúo e unha disco móbil antiga. A orquestra Marbella non puido asistir debido a unha avaría na súa cabeza tractora, algo imprevisible e polo cal a empresa responsable emitía un comunicado desculpándose, pero polo visto tampouco foi posible facer unha substitución por unha agrupación similar, algo que non gustou a todos.

Rús sen nivel para competir

O que outrora era unha realidade coas mellores formacións desfilando pola parroquia de Rús, sobre todo en Santa Eufemia, foi caendo no esquecemento. Outras parroquias como Bértoa fóronlle adiantando pola tanxente, agora en Rús apenas hai caché para competir a nivel formacións musicais e o 15 de agosto quedaba completamente eclipsado por outras citas relevantes na súa área de influencia máis próxima.