As Festas de María Pita comezan este martes con MIKA

1 minutes read

Este martes, 1 de agosto, comezan as Festas de María Pita 2023 co tradicional pregón, que terá como protagonista este ano a Lionel Scaloni. O ex xogador do Deportivo e seleccionador arxentino regresará á cidade que o acolleu entre 1998 e 2005, e onde conseguiu co club branquiazul unha Liga, unha Copa do Rei e dúas Supercopas.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, quixo agradecer a Scaloni a súa predisposición para ser o pregoeiro destas festas. “Lionel é unha persoa moi querida por todos os deportivistas e coruñeses que sempre ten palabras de agradecemento para a cidade”, sinalou a rexedora. A Coruña renderalle deste xeito homenaxe ao actual adestrador da selección arxentina, coa que conseguiu en decembro o Mundial. “Na nosa cidade viviuse moi intensamente aquela final polo que Scaloni significa para nós e pola gran cantidade de arxentinos que viven na Coruña. Por iso cremos que é de xustiza recoñecer mañá os seus éxitos”, apunta Rey.

O seu pregón está previsto para as 21.00 horas. O Concello da Coruña planificou un dispositivo especial para garantir a seguridade de todas as persoas asistentes á praza de María Pita, ante a previsión dunha grande afluencia. O pregón poderá seguirse a través de streaming e haberá pantallas xigantes en María Pita. Tras o pregón, ás 22.00 horas, comezarán as actuacións das Noites de María Pita. O primeiro concerto será do británico de orixe libanesa, MIKA. Nos seguintes días, artistas entre os que se atopan Víctor Manuel, Vanesa Martín, Xabier Díaz, Amaia Romero ou El Kanka, entre outros, continuarán enchendo de música as Noites de María Pita.