O Concello impulsará a festividade do Rosario cunha programación cultural até o 12 de outubro pensada para todos os públicos. Deste xeito, San Andrés será o epicentro musical esta fin de semana cos concertos da Garufa Blue Devils Big Band e Kiko Veneno, este sábado, a partir das 20.00 horas, e de Cariño e Zenet o domingo nunha sesión vermú, que comezará ás 12.30 horas. Con esta novidade, o Goberno de Inés Rey aposta por revitalizar esta rúa que se está a peonalizar as fins de semana.
Dentro do apartado dos concertos, e como festa final da Carreira de Orientación Raid Gallaecia-AR World Championship 2021, o sábado ás 20.00 horas actuará Abraham Boba (León Benavente) no Parrote.
Ademais, este programa máis amplo e que abrangue distintos barrios da cidade confirma a aposta do Concello polos artistas e creadores locais, pola música tradicional, pola Banda Municipal que actuará o domingo ás 12.00 horas na praza de María Pita, pola danza, as corais e por levar a programación infantil a todos os barrios.