A Xunta, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e o Exército teñen “os ollos postos na nosa riqueza forestal”, de forma que están “vixilantes e moi atentos ao que pasa nos nosos montes”, polo que seguirán sendo “implacables” de cara a frear os incendiarios e poñelos a disposición da Xustiza.
Así o reiterou o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, quen supervisou na Base General Morillo (en Figueirido, Pontevedra) o despregue das tropas da Operación Centinela Gallego. Engadiu ademais que “imos seguir sendo contundentes na loita contra os delincuentes que poñen en risco os nosos montes e, sobre todo, as persoas”.
O titular de Medio Rural, que estivo acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, reiterou que a vixilancia e a disuasión constitúen unha prioridade de cara a reducir a actividade incendiaria intencionada. Unha acción ilegal que se pon de manifesto -lembrou- cos últimos datos sobre a nocturnidade e a existencia de varios focos simultáneos na metade dos lumes rexistrados en Galicia no último mes. Isto amosa claros indicios de intencionalidade, remarcou, ao igual que o feito de que os incendios se declararan en condicións de temperaturas elevadas ou vento forte.