As forzas da orde extreman a vixilancia para evitar os botellóns

1 minutes read
  • Os botellóns son a terceira causa máis común nas denuncias presentadas polos concellos pequenos e medianos que tramita a Xunta.

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu a Sala de Control de Operativos (Sacop) nunha reunión na que participaron os xefes das Policías Locais das sete cidades galegas e máis de Vilagarcía, así como responsables da Policía Nacional e da Garda Civil. Nese encontro fíxose balance do dispositivo despregado a semana pasada e coordinouse o desta fin de semana tendo en conta as novas medidas acordadas pola Xunta atendendo ás recomendacións do comité clínico.

As forzas da orde extremarán a vixilancia para evitar concentracións de persoas de noite en espazos públicos como prazas, praias ou xardíns, e sempre que sexa posible, precintarán ou valarán o seu acceso para impedir a entrada de persoas. En todo caso, os axentes “actuarán con contundencia” para garantir que non se quebranten as normas, asegurou Rueda. Quen insistiu en que o botellón está prohibido e en que se seguirá sancionando a quen participe destas concentracións nas rúas, con multas que van ata os 300 euros por persoa. Ademais, cabe recordar que o uso da máscara segue sendo obrigatoria sempre que non se poida manter a distancia social.